1 feb 2010

BANDA SONORA (I)



Como nunha película, a vida de moitas persoas ten asociada unha banda sonora de modo que cada época ou momento subliñable está ligada a determinadas melodías. Din que a que me corresponde a min debería comezar cos boleros de Lucho Gatica cos que miña tía me arrolaba para que quedase durmido ou coas zarzuelas no Teatro Jofre, ás que me levaban meus pais cando era ben pequeno. Pero se fago caso aos meus recordos o descubrimento das harmonías vocais das cancións dos Beatles son as que marcan o comezo da miña curiosidade e afección musical. A música dos Beatles formaba parte dun movemento musical, o merseybeat ou mersey sound, xurdido en Liverpool ao redor dun periódico do mesmo título publicado nos anos 60 e da mítica sala de concertos The Cavern, ademais dos Beatles pertencían tamén, entre outros, The Searchers ou Gerry e and the Peacemakers. Este movemento musical distínguese pola fusión do rock and roll, skiffle, rhythm & blues e doo wop. Como instrumentos empregaban unha guitarra solista, unha guitarra rítmica, baixo e batería, mesturaban ritmos pegadizos e fortes, e os cantantes solistas ian apoiados por coros en estreita harmonía e tarareando ás veces sílabas sen sentido (yeah, yeah, hey ,hey, boom, boom ou similares) .
Cando tes curiosidade todo forma parte dun continuo que te vai levando dun lugar a outro e descobres que a música dos Beatles, nos seus comenzos, non está libre de influencias, e así leváronme a descubrir aos Everly Brothers e a Buddy Holley e The Criquets. Buddy Holly foi unha das primeiras estrelas do POP. Comezou a súa andaina en solitario en 1958 abandonando The Criquets tras acadar éxitos coma Oh boy!, Peggy Sue ou Not fade away. Dono dun estilo persoal no que a melodía e os arranxos persoais primaban sobre o ritmo, as súas composicións podemos enmarcalas dentro dunha fusión do country e do rock and roll . A música de Buddy Holly supuxo unha renovación do rock do momento e moitos dos seus temas foron versionados polos mellores conxuntos da época: Words of love (Beatles), Not fade away (Rolling Stones), Love is stange (Paul McCartney and the Wings) ou Peggy Sue (John Lenon). Morreu nun tráxico accidente de aviación xunto con Ritchie Valens (popularizador da versión rock de La Bamba) e Big Booper. A repercusión no mundo da música foi enorme e ese día foi nomeado como O dia que morreu a música por Don Mclean no seu gran éxito American pie.

No hay comentarios:

Publicar un comentario