5 mar 2010

BANDA SONORA (IV)

Na miña mocidade a chegada dos 14 anos coincidía coa reválida de cuarto de bacharelato, é dicir, o exame de grao elemental. Debido a que cando aprobabas expedíanche un título ao teu nome co tratamento de Don fulano de tal, nas nosas casas dicían que empezabas a ter (ou merecer ) o don. A min chegoume xunto cun agasallo (polo meu aniversario) en forma de guitarra española co seu consecuente método para aprender a tocala. Non cabe dúbida que era un agasallo envelenado, os meus pais, sabedores da miña querenza musical e aconsellados por un familiar, compráronme unha bastante boa tentando compracerme. Pero a min non me apetecía asistir a clase de solfexo e guitarra clásica, as miñas admiracións xuvenís estaban máis orientadas cara a Hank Marvin (guitarra solista de The Shadows) que cara a Andrés Segovia. O problema era que por máis que o tentaba, en solitario, o son que obtiña non se parecía en nada ao obtido por Marvin no meu tema instrumental favorito: “Apache”, ben, nin nese nin noutro calquera que tentase. Así, aos poucos, foise esvaecendo o meu soño musical de ser un gran guitarrista autodidacta e comprendín as miñas enormes limitacións. Aquel verán sen baloncesto e incapaz de obter uns sons dignos na guitarra recén estreada, depriminme pois o tempo non acompañaba e a praia non podía ser un substituto.


The Shadows era un grupo instrumental inglés, xurdido a finais dos anos 50 como acompañamento do cantante Cliff Richard (inicialmente chamados The Drifters). A formación orixinal da banda estaba composta por: Hank B. Marvin á guitarra solista, Bruce Welch, guitarra rítmica, Jet Harris ao baixo e Tony Meehan á batería. En 1959 comezaron a gravar en solitario e en xullo de 1960 alcanzaron o número 1 das listas británicas co mítico “Apache” que lles compuxo Jerry Lordan. Marvin tiña un estilo inconfundible producido polo son da súa guitarra Fender con amplificadores Vox ao que engadía un frecuente uso do brazo do trémolo para soster as notas. O resultado era un son peculiar, moi melódico e que lle converteu no guitarrista de referencia en Europa nos anos 60. Esa pulcritude sonora de The Shadows sepáraos dos conxuntos instrumentais americanos da época (de son “surf” como os Surfaris, Chantais ou Astronauts) e inflúe até nos mesmos Beatles dos que unha das súas primeiras composicións gravadas é un instrumental titulado Cry for a shadow, chegando o propio John Lennon a afirmar que "antes de Cliff Richard and The Shadows, non houbera nada de valor na música británica." Coa figura da súa estrela indiscutible tocada coas súas lentes de pasta escura ou de carei, unha impecable presenza con traxes iguais e a súa forma relaxada de actuar, The Shadows, tamén marcaron unha estética no seu tempo e enseguida foron imitados por gran parte dos conxuntos europeos da época. No musical “Apache” estableceu a fórmula para os éxitos posteriores e así chegaron: “Man of Mystery", "F.B.I", "Frightened City", "Kon Tiki", "The Savage", "Guitar Tango", "Dance On", "Foot Tapper", "Atlantis" e moitos máis , todos eles nos anos 60. Retíranse en 1968 e reaparecen con éxito en 1973 (sempre con Marvin e Welch liderando o grupo) chegando mesmo a encabezar a lista de vendas de álbums en 1977 con Twenty Golden Greats , alcanzando os primeiros lugares en singles con “Don’t cry for me Arxentina” e mesmo representaron ao Reino Unido en Eurovisión en 1975 co tema “Let me be the one” que se clasificou en 2º lugar. Desaparecen de novo en 1990 para reaparecer en 2004 cunha xira europea e recentemente outra vez acompañando a Cliff Richard na súa xira do 2008.

2 comentarios:

  1. Hermosos recuerdos de nuestra pubertad/juventud. Solo añadir que había un grupo americano que, aún sonando distinto, tenía un cierto paralelismo con ellos: The Ventures (Hawai five-o entre otras muchas, ¿recuerdas?). Saludos "el batas"

    ResponderEliminar
  2. Hola Javier, disculpa la tardanza en contestar. Siempre son bien recibidas tus acertadas observaciones.Claro que me acuerdo del grupo que formaron Bob Boyle y Don Wilson. El sonido era ligeramente diferente quizás debido a las guitarras Mosrite, pero efectivamente tenían también una gran limpieza de sonido y un hábil manejo de la reverberación y el trémolo. Los Ventures y los Shadows fueron el espejo en el que se miraron los conjuntos españoles de la época para perfeccionar su técnica. Aún disfruto escuchando su Walk don't run o Wipe out. También hicieron innumerables versiones que gozaron de una excelente acojida del público. Un abrazo.
    Edelmiro Gil

    ResponderEliminar