22 nov 2010

Lecturas de outono
Hai pouco tempo que acabei de ler dúas das propostas editoriais, deste verán “Unha historia que non vou contar” de Cid Cabido e “A Intervención” de Teresa Moure. As dúas afronteinas con idéntica ilusión e curiosidade pero producíronme reaccións opostas. A de Cid Cabido diría que a devorei coa sensación agradable de frescura que produce o achado dunha proposta nova que te enreda e aprisiona na súa trama ata que a terminas; pola contra a de Teresa Moure obrigoume a unha lectura reflexiva, teimuda e persistente co ánimo de atopar algo daqueles personaxes e pasaxes cativadoras de Herba moura pero sen chegar a atopalo.
Imos analizalas por separado. “Unha historia que non vou contar" non é unha novela de intriga ao uso, son dúas narracións nunha. Por unha banda está a crónica detallada do proceso de “non” escritura dun libro e por outra o relato da peripecia persoal do “non” autor, o escritor C.C. (un xogo coas iniciais de Cid Cabido). Partindo dun feito real, o asasinato dun coñecido industrial vigués acontecido nos anos 70, o autor aproveita para propornos unha viaxe a outra época, a finais da ditadura franquista. A novela vai tecendo o retrato duns ambientes sociais, das relacións entre as parellas, as familias, o mundo dos negocios, os grandes escándalos económicos como o famoso caso REACE, paradigmas da estrutura daquel réxime escuro e tebroso que tanto pesa, en formas e costumes, na nosa sociedade de hoxe. E doutra banda está a peripecia persoal do protagonista e narrador un tipo bastante indolente que, case a empurróns dos que o rodean, trata de discernir entre o que ocorreu realmente e o que quedou como lenda popular. Está omnipresente na narración, Vigo, quizais unha chiscadela complice para aqueles lectores que identifican na lectura as pasaxes e personaxes ben coñecidos dunha e outra época. A intriga subxacente, as dúbidas existenciais do escritor protagonista, o seu voluntario retiro de modas e convencións, configuran un amplo fresco tanto do pasado como do presente, e dos fíos, ás veces invisibles, que os unen.
Resumindo Cid Cabido elabora unha ficción-non ficción narrativa moderna, áxil, onde combina diferentes rexistros, cunha linguaxe clara e directa, de calidade que engancha desde os primeiros momentos e que a converten nunha lectura altamente recomendable.

Non me resulta fácil falar da novela de Teresa Moure pois a miña é a opinión dun lector, non a dun crítico nin a dun experto lingüista e poida que por iso sexa unha opinión equivocada, pero si podo afirmar que decepcionou as expectativas que tiña depositadas na obra. Paréceme un exercicio de estilo literario falto de ánimo e consistencia narrativa. A proposta é a narración dun mesmo feito por cinco testemuñas que dan á intervención unha perspectiva (subxectiva) diferente. Dacabalo entre o realismo máxico e o compromiso político-ecoloxista, os feitos e os personaxes parecen entrelazados por unhas puntadas demasiado grosas, que aínda que ás veces ocultan páxinas verdadeiramente afortunadas, expoñen personaxes que soan a tópicos con sensibilidades e caracteres someramente trazados. Bótase de menos un perfil máis detallado de personaxes chave como os membros da familia Balseiro ou o atraínte pero pouco aproveitado personaxe do pianista amnésico, pero tamén unha análise maior das relacións persoais que dan lugar aos feitos. Terminada a lectura un pregúntase onde reside o magnetismo motivador da intervención, que arrastra até o punto de facer cambiar a súa vida e arriscarse a todos os personaxes , e ao non atopar máis que o propósito dunha nai que quere que o seu fillo encontre o seu lugar no mundo e que asume como propio o desafío da tarefa a desenvolver un pregúntase se de verdade esta historia daba para ser o argumento dunha novela que merecía a pena ser contada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario