26 jun. 2011

Despedida do club de lectura co pregón de Rosa Aneiros

O pasado xoves reuníuse o club de lectura na derradeira sesión do curso.
Ademáis de comentar dous relatos de Ray Bradbury pertencentes a "Crónicas marcianas", limos en alta voz un fragmento do optimista e fermoso pregón de Rosa Aneiros que inaugurou a feira do libro de Ferrol iste ano:
É este, abril, o mes no que comezan as feiras, o mes onde as árbores locen
escintilantes os seus abrollos acabados de estrear, o mes no que as páxinas dos libros acampan nas rúas, desafían a chuvia, adoecen coa calor. Pero o papel atura, as letras resisten o envite da intemperie para se achegar ás mans dos lectores e lectoras. Con Eliot, con Rosalía, con Lois Pereiro, con centos de autores e autoras que contan historias para nós, estreamos en Ferrol o mes de abril. E estreámolo porque os libreiros e as libreiras arrastran os seus vultos de soños e nolos ofrecen como froita temperá para alimentar a ilusión e arredarnos da tristura. Da monotonía. Da friaxe, da indiferenza.
Non é doado. Todos os días ao abrir o xornal, ao prender a radio, ao sintonizar o televisor, ao premer un enderezo en Internet recibimos un auténtico boureo de noticias relacionadas coa crise económica. Sabémolo porque nolo contan os medios pero tamén porque vivimos baixo a sombra alongada das penurias e das preocupacións por chegar a fin de mes. Fronte ao horizonte gris da apatía, e da desesperación os libros seguen ofrecéndonos portas abertas para a esperanza. Segue habendo un mundo agardando por nós en cada libro. Seguen querendo contarnos historias. Cousas do cotío, pulsos contra a tristura para facernos felices.
Por iso hoxe quixen traer comigo un ronsel de faíscas luminosas, un ronsel de
esperanzas.
Escoitaron vostedes falar algunha vez dos Morcegos de Canido? Dos pantasmas de papel de Neda? Do Sansaliber de San Sadurniño? Do Segrel de Neda? Dos siareiros de Sofía ou de Saturnino Hermida? Saben vostedes de que lles falo? Fálolles da gran revolución silenciosa que está a sacudir dende hai uns anos as bibliotecas públicas de Galicia, tanto as dos centros de ensino como aquelas municipais. Falo dos clubs de lectura. Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura. Actualmente están funcionando douscentos clubs de lectura en centros de secundaria en Galicia. Estes clubs acollen tanto
a alumnado como a pais e nais que participan do coloquio, que comparten a
extraordinaria experiencia lectora. Ademais destes douscentos centros están
aqueles vinculados a bibliotecas municipais, tamén as que nacen ao abeiro dos centros de primaria. Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis. É por iso que non lles abonda con clubs, pequenos encontros nos centros públicos, nas aulas. Non, queren máis. Todos os clubs reúnense fóra de horario lectivo, nos recreos, nas pausas do xantar, polas tardes... cando poden. Renuncian ao seu lecer privado por falar de libros. De libros! Pero xa non abonda cos libros en xeral, hai clubs de lectura de manga, de novela realista, de misterio, de ciencia ficción, de poesía... Xa non abonda coas reunións presenciais, teñen blogs nos que van avanzando os progresos nas lecturas, póñenlles música, vídeos, falan de arte, organizan excursións a escenarios literarios. Tampouco abonda xa coa experiencia dos compañeiros e compañeiras de aulas. Deciden reunirse na rúa, nos parques, nas bibliotecas, con membros doutros clubs e partillar escenas,personaxes, cancións, tramas, finais felices ou tristes, citas literarias...

Merece a pena lelo todo neste enlace
Felices vacacións!

20 jun. 2011

O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE SANTA COMBA



Do 1 ao 23 deste mes a biblioteca acolleu a exposición da sociedade cultural Columba sobre o xacemento arqueolóxico de Santa Comba.
Nos didácticos e interesantes paneis recollíase moita información sobre o entorno, a bela praia de Santa Comba en Covas, así como da restauración da capela, a excavación que alí se realizou coas súas fases e todos os obxectos atopados nela: cerámicas,cuncheiros, ferramentas...todo iste legado permítenos saber máis da vida dos nosos devanceiros.
Precisamente unha das finalidades da asociación Columba é investigar no pasado da nosa zona e tamén traballar a prol da conservación do noso patrimonio, dándoo a coñecer e contribuíndo á súa posta en valor.
O presidente da asociación, D.José López Hermida, ofreceunos o pasado venres unha charla á que asistiron todos os alumnos de 1º da ESO, que queremos agradecerlle, xa que é importante educar aos rapaces no respecto polos bens do pasado.

13 jun. 2011

Foise Juan Farias



Aos 76 anos de idade faleceu antonte Juan Farias, escritor ao que as bibliotecas escolares de Ferrolterra adicámoslle, se lembrades, o día do libro infantil e xuvenil.
A prensa fíxose eco desta gran perda.
Quedan connosco os seus libros, e en sentida homenaxe ao autor, reproduzo aquí a presentación que escribin para o club de lectura de "Crónicas de media tarde":
Eu non coñecía a Juan Farias ata este curso, no que unas compañeiras mo descubriron nunha xuntanza do PLAMBE de Ferrol. Nesa xuntanza acordamos traballar sobre a vida e a obra deste autor. Segundo fun sabendo sobre él, interesoume cada vez máis, pois existen detalles que achéganme a súa figura: é de Serantes, como a familia do meu pai ; medrou, como moitos outros nenos, eu entre eles, lendo as aventuras de Huckleberry e o indio Joe, de Jim e de John Silver; e por fin, era o guionista dunha serie que tamén me leva aos meus primeiros anos, “Crónicas de un pueblo”.
E precisamente trata sobre as crónicas dun pobo, Mediatarde, o libro que estamos a comentar. Crónicas de Media Tarde é a narración do que aconteceu neste pobo, desde as orixes ao seu final.
Era Media Tarde un pobo pequeno, que non ven nos mapas, de terra mala, cunha igrexa que tiña unha torre na que aniñaban as cegoñas. En Media Tarde vivíuse a guerra, e despois esmoreceu pouco a pouco, e agora xa é difícil ata seguir o rastro das lembranzas. Pero para eso está Juan Farias, para que non se esquezan as tres historias que sucederon en Media Tarde.
Na primeira, “Anos difíciles”, un neno, Juan de Luna, espera con impaciencia a chegada da guerra, mesmo subindo ao campanario da igrexa para ser o primeiro en vela. A guerra tarda moito en chegar, pero chega a escaseza, o receo, as pelexas entre os vecinos, e finalmente a dor e a morte que levan aparellados todas as guerras.
No “Barco dos peregrinos”outro neno sen nome cólase de polisón nun barco chamado Aturuxo, porque quere vivir aventuras, mergullarse nese mundo “enorme e emocionante” que latexa nos libros. No barco faise amigo dun mariñeiro, Macario.
A terceira historia , “O gardián do silencio”, dun tempo máis actual, conta a charla entre o médico de Padín, aldea non moi distante de Media Tarde , e Xusto, o último habitante.
Merece especial atención o estilo de Juan Farias, conciso, de frases sinxelas e breves e vocabulario coloquial, pero ao mesmo tempo fortemente poético. Dun xeito impresionista, con poucas e precisas pinceladas consegue retratar a realidade con toda a súa beleza. Un esquío, un espantallo, unha manta de cores abondan para que comprendamos a tenrura e as complicidades dunha vida de familia.
A obxectividade narrativa, case cinematográfica ás veces, deixa sempre entrever as simpatías hacia algúns dos personaxes, e a fonda sensibilidade do escritor. Un exemplo: o relato da pena de D.Xacobe.
E Juan Farias un autor para nenos? Coincidindo co que di Carlos Casares no prólogo, penso que Farias “escribe cada libro e cada historia no ton que lle corresponde, e isto fai que despois o vaian encaixando os demáis –editores e lectores- no espacio que consideran máis axeitado, sempre, xaora, no amplo territorio da imaxinación que chamamos literatura, que é onde habita, para o seu gozo e mailo noso, este magnífico escritor”.
(imaxe cedida pola biblioteca Xoán Farias)

1 jun. 2011

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)