12 ene 2012

NOTICIAS DO LABIRINTO GREGO.

Dicía Dashiell Hammett que o éxito da novela negra baseábase en que ademais da trama propiamente dita ofrecía unha crónica do estado actual da sociedade que nos rodea. Dita argumentación podería aplicárselle directamente a "Con el auga al cuello" de Pietros Markaris. Esta novela nárranos, por medio do seu protagonista o comisario Kostas Jaritos, con toda crueza as causas e consecuencias da crise grega e as reaccións dos distintos colectivos afectados por ela ( policías, funcionarios, médicos, banqueiros, comerciantes etc.). Neste contexto de iracundas manifestacións, reaccións desesperadas causadas pola asfixia económica e os recortes sociais discorre o argumento da novela, unha historia de perdedores narrada por un personaxe politicamente incorrecto e aparentemente descoidado pero ao que a súa mente lle funciona á perfección. " Con el auga al cuello " é algo máis que unha novela negra, ofrécenos unha historia verosímil e de triste actualidade . A Markaris preocúpalle a situación do seu país e por iso o cronista imponse ao novelista e de forma descritiva case sen concesións aos adornos literarios axúdanos a comprender as reaccións dos seus compatriotas, as súas posturas vitais, as súas inquietudes. Os diálogos entre os personaxes non teñen desperdicio e entre chiscadelas continuas de solidariedade cara ao noso país (os feitos ocorren durante o campionato do mundo de fútbol) debúllanos unha amarga historia que ao final nos fai reflexionar o plausible que resulta nun escenario como o que nos describe. Non é unha gran obra nin o pretende, é simplemente un libro entretido, pero o autor é capaz de transmitirnos a súa preocupación polo estado de frustración e desesperación no que está sumido o seu país e no que a ausencia de saídas de futuro parece quedar resumido nun horizonte de negros nuboeiros que enmarcan un xigantesco signo de interrogación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario