2 dic 2012

Ecos dun tempo e dun lugar

Din que os recordos son parciais e que o tempo e a nosa imaxinación vainos convertendo en certezas. No libro de Manuel Rivas resulta difícil distinguir onde acaba a realidade e onde comeza a ficción, pero isto ao lector non lle importa xa que ten a habilidade de atraparche entre as súas páxinas e transportarche mentalmente a unhas situacións que che enganchan e seducen a un tempo. É inevitable pola nosa banda ter empatía cos personaxes ou as situacións descritas, e cando nos damos conta percibimos o cheiro do tempo das cereixas, sentimos o soprido do aire de alí onde dá a volta o vento ou imaxinamos os misterios da espesura do camiño cego. Ademais dunha evocación sen queixumes, con dor pero tamén con humor, duns escenarios e uns tempos duros é unha maneira de facer de eco, de alzar a voz por aqueles que, no seu tempo, non puideron facelo.
Estamos ante unha obra íntima, das máis persoais do autor, un libro cheo de sensibilidade, un canto aos pequenos detalles, eses que no vórtice das nosas vidas quedan tan atenuados que moitos non temos a habilidade de percibilos. Unha narración na que os sentimentos flúen suavemente, case sen citalos e así consegue en cada relato expresar moito enunciando pouco, cunha prosa viva, directa e sinxela, pero cargada de poesía e capacidade de síntese, Manuel Rivas transmite ao lector intensos sentimentos que persisten ao paso do tempo.

Rivas Manuel (2012): As voces baixas, Edicións Xerais narrativa

No hay comentarios:

Publicar un comentario